Téñolle que dar a razón ao artellador deste volume de relatos (Mañá de sábado, Relatos para Noia, Editorial Toxosoutos, 2008), David Pérez, cando di que cada autor ten "voz propia, personalidade, non é un producto de factoría".
Aínda que estiven con eles, non recoñezo algún dos nomes dos autores. Podería levarme iso a unha maior obxectividade, pero a obxectividade non existe, nin na vida nin no xornalismo nin na crítica literaria.
O relato que abre o volume (Antonieta Caramés) lémbrame a lectura de "American Psycho". E pode ser que todos levemos algo dese protagonista no interior. As matemáticas, o exacto, axudan pouco na vida real.
"A rosa dos ventos", de Martín Veiga Alonso, entra xa de cheo na saudade do mar, na impostura do xornalista que non o é, no topicazo certo dos mariñeiros con amores en cada porto e fillos noutras portas.
O relato de Xabier Blanco comeza cunha cita de "Crónicas marcianas" -nada que ver con Javier Sardá, senón con Ray Bradbury- e que saque neve en Noia sitúame case en ciencia ficción. O que intenta é moi complicado: que o protagonista se mire como un neno e como un vello á vez, como se tivera unha máquina para viaxar no tempo. A máquina é só a da memoria.
Estaría ben que comentara o relato de Pablo Nogueira, pois non o coñezo tampouco. Mais só contarei unha anécdota do día que rematei de ler "Mañá de sábado". Fun co libro ao parque, para dar conta del mentres Álex xogaba. Cando o rematei lembreime de que tiña que ir mercar algo ao súper. Fun e ao pasar por caixa deixei na cinta transportadora o libro tamén. A caixeira pasouno. "Non existe", dixo ao comprobar o código de barras. Entón expliqueille que era meu, que non o collera no local. "Non é" é o título do relato de Pablo Nogueira, que tampouco "é", non existe, pois son eu. Por se a alguén lle interesa, é un relato no que pretendo rirme un pouquiño de varias cousas: cambio climático, relixión, novelas históricas, fachenda de certos vilegos coa súa vila e por aí. O que David definiu como "chauvinismo" no prólogo.
"O mar desde esa banda", de Carlos Penela, o noso home en Viena, que igual que o de Cork nunca dixo nada no blog do obradoiro, métese de cheo na recuperación dunha memoria histórica que aínda supura. Exilio, guerra civil, mundial, nazis. Penso que é demasiado ambicioso para tan poucas páxinas, daí a necesaria coda.
En "Velaí", de Andrea Bermúdez, encántame a historia. Pero noto que alguén debería acender menos o mp3 e fiar mellor algúns compoñentes dun relato magnífico. De novo a morte, ou as gañas de morrer, o pai que non volta do mar pero que está presente na lembranza, en obxectos prezados só porque son o derradeiro signo vital del.
"Os condenados", de Luis Avilés Baquero, transmíteme xusto o que o autor dixo que ía facer. Misión cumplida entón. A cita que abre o relato (de "El resplandor", de Kubrick) e algúns xiros do mesmo revelan a súa paixón polo cinema. Mesmo parecera que escribe o relato pensando en facer unha curta con el... De novo a morte, neste caso en varios estadios ou fases -suicidios, asasinatos- asolaga o texto deste relato, nun volume que cheira a cadáver -non exquisito- salgado.
"Unha carta para Xulia", de Juan Ramón López Oviedo, tamén ten un protagonista morto. É unha historia de amor e incomunicación, ben contada, quizais con algunha graxa narrativa de máis.
"O paseo", de Juan Martínez Lestayo, levanta outra vez a lebre da guerra civil e os paseados. Sitúao nunha óptica moi actual, pois os fillos e netos dos que viviron aquelo aínda seguimos no medio da confusión, con sentimentos atopados ou desnortados, segundo onde nos tocara vivir. De novo morte, máis Parca neste volume que editou unha admiradora de camposantos.
"A man morta" é un relato de Inés Coiradas abafante. Penso que lle sobran adxectivos, que fai meandros nun regueiro narrativo que recto podería ser máis contundente. Ao mellor téñolle un pouco de manía a este texto, pois foi o que pendurou, como se fose o suicida primeiro de Luis Avilés, demasiado tempo no mesmo blog morto. Chamarlle malpocados aos lectores tampouco é unha invitación a lelo.
"O ollo dos sentidos" (José M. Martínez Abeijón) gustoume pola temática. A fotografía, os touros -fíxome lembrar algo que tiña case esquecido, que a única corrida de touros vina en Noia con meu pai-. Tamén arromba moi ben topónimos da miña infancia, oficios case extinguidos... Despistoume, pero xa son problemas de edición, algo que quere ser un cartel taurino e quédase nun cadro de texto cativo e mal desenvolto.
"Arruamento", de Ramón Blanco Fernández, é o tipo de textos que eu critico no meu propio relato. Eu adicaríalle unha novela, mellor. Alimenticia, por suposto.
"Mares de argazo" (Ramón Nieto) entra de cheo tamén no mar e a morte. Tamén a través da fotografía. O comezo lémbrame o suicidio de Virginia Woolf, pero esta vez é unha pescantina salgada. Woolf era unha ninfa, de bicos doces, Luísa é unha serea, salgada toda ela. Meu pai tamén levaba argazo ás leiras, co carro das vacas, cando era neno. En min, como lector, este relato cumpriu, ao tocarme nunha corda da memoria.
"Os que estamos" pecha o volume. Escribiuno Miguel Anxo Ponte Santiago. Funeral, camposanto. Un broche poético -hai moita poesía neste relato- perfecto para a fin de "Mañá de sábado".
O título do libro sae do día no que se reunía o obradoiro literario que dirixiu David Pérez. A min gustaríame que se fose un paso máis adiante e os relatos estivesen unidos máis que por Noia. Que os meus protagonistas, Romero e García, investigasen o suicidio de Andrés, un dos protas de Luis Avilés. Que o Residente de Antonieta fose de cañas co Manolo de Andrea. Que a vella da Rosa dos Ventos coñecera a Luísa, a suicida do argazo. Que Orlando o de Inés lle fixera un seguro de vida a Xulia, a protagonista de López Oviedo. E así sucesivamente. Pero eu só falo como lector final. Non fun quen de decilo no obradoiro, ao que non puiden asistir as veces que quixera.
RAMONCÍN (SGAE) CIERRA EL CANAL DE YOUTUBE DE LA REVISTA EL JUEVES
-
Y ustedes, si no tienen la desgracia de ser españoles, se preguntarán:
¿Quién es Ramoncín? ¿Qué es la $GA€?¡Quién pudiera decir lo mismo!Para
más in...
Hace 2 horas





0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada