11J: Outra data para a infamia

O despotismo é só iso, non vale poñerlle adxetivos. Nin ilustrado nin sen ilustrar. E iso é o que pasa agora en España: un goberno que se aupou ao poder enganando á xente e que está a facer todo o contrario do que dixo. 

Un fraude gobernando, e por enriba, con despotismo. Os recortes de hoxe, aos que se suman os anteriores e os que virán, son unha afrenta ao pobo, un insulto á intelixencia, un xeito de facernos ver que gobernan para os intereses dos bancos, das multinacionais (sobre todo eléctricas), que son os que logo que os baixamos da poltrona os sentan de contadiño nos seus consellos de administración. Os paos aos mineiros, con esa policía que empregan para defender o Corte Inglés, para botar á xente fóra das casas e para torturar cando había Eta, son outro indicativo da súa verdadeira faciana. 

Este goberno ten que irse. Temos que botalo. E non podemos consentir que o que veña non faga o que lle interesa ao pobo e se pregue aos intereses dos lobbies alemáns, dos banqueiros suizos ou da nai que os fixo. Este goberno non é o meu, nin me representa. Só sinto desprezo polos que hoxe aplaudiron esta nova malleira aos dereitos dos cidadáns. Calquera integrante do PP que se considere cidadán honrado debería darse hoxe de baixa deste partido, ao que deberían ilegalizar. O terrorismo de estado tamén se practica así: deixando na miseria aos teus cidadáns. 

San Fermín

Esta é unha desas datas que marcan. Do mesmo xeito que marcan os nomes que nos poñen, os nomes que levan os que te trouxeron ao mundo -feliz santo, miña nai, onde sexa que esteas!- e cada nome que tes que pronunciar para referirte aos do teu círculo.

Onte estiven por Santiago.  A noticia destes días tamén me leva a afondar nesas lembranzas que ten un agochadas, por non visitadas, non porque desapareceran, de cando era pequeno. Eu estudei na Catedral de Santiago, si, dentro da Catedral. Xoguei ao fútbol no claustro, e tamén aos policías e ladróns. Por iso o da descuberta do Codex Calixtinus nun garaxe dun traballador da Catedral faime recordar as nulas medidas de seguranza que alí había: os escolares e monaguillos metíamonos por calquera curruncho e non pasaba nada. Tiñamos esa idade inocente onde o que máis che pode pedir o corpo é roubar un peso para mercar unha bolsa de pipas -si, cando as bolsas de pipas valían un peso, cinco pesetas-. Mais o dos cartos que foi sisando -presuntamente- o fulano si que ten delito: como pode pasar iso? E por que ninguén pon o foco desa noticia nos privilexios medievais da Igrexa católica, que amasa verdadeiras fortunas de cartos negros polos que ninguén lle pide responsabilidade e que non axudan EN NADA á economía do país? Si, certo é que os curas viven -e comen- entre nós. Pero saber que a Igrexa fai aportacións mínimas a Cáritas e que furrula como unha Ong sen que ninguén a audite dá vergoña allea. Que ben viña unha nova desamortización! Pero a nosa democracia é unha broma polo de agora. Está en cueiros. E estes cueiros cada vez feden máis.

Alicia en el lado oscuro

Related Posts with Thumbnails